Durante esta semana faremos unha crónica do afundimento do Prestige no ano 2002. Cada día actualizaremos o blog coa evolución do barco tal e como sucedeu hai xa 9 anos...
13 de novembro de 2002.
O petroleiro Prestige navega cargado con 77.000 toneladas de fuel da mala calidade. Cando se atopa a unhas 28 millas de Finisterre sofre unha importante vía de auga no medio dun temporal, quedando á deriva con ondas de ata 6 metros e ventos de forza 8.
A vía de auga prodúcese ao desprenderse algunha prancha do casco consecuencia do mal estado de conservación do barco. O mar inunda o tanque de lastre, que estaba baleiro e situado no lateral do petroleiro, o que provoca un forte escoramento. Isto da lugar ao vertido que provoca a primeira mancha de fuel. As autoridades denegan ao petroleiro o permiso para atracar en porto español.
A gravidade da avaría do buque chega a escorarse ata 45º- fai que sexa necesario evacuar a maioría dos tripulantes. Soamente quedan a bordo o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas para intentar salvar a carga que transportan, para o cal enchen de auga o depósito de lastre do costado oposto do buque, compensando a escora pero sometendo a estructura do petroleiro a unha tensión superior a que pode soportar. Rachan os primeiros depósitos de fuel...
"Non me canso de soñar
que cando saia o sol
a praia limpiara.
E apago o meu televisor
que de tanta dor
non para de chorar.
NUNCA MAIS"
Ningún comentario:
Publicar un comentario