martes, 29 de novembro de 2011

Música

Para estas semanas de exames, deixámosvos unha selección musical para todos os gustos e con un pouco de todo!



martes, 22 de novembro de 2011

Sen esquecernos do Prestige, (moi pronto poñeremos novos datos) hoxe deixámosvos un traballo realizado polo CPI de Cea, cunha canción marabillosa e unha estupenda montaxe. 


Xa sabedes nenos, A LINGUA SABE A PAN! e non a calquera pan, a pan de cea!!

Se tedes ganas e algunha idea, ogalomillanrengo@gmail.com está aberto a todos así que adiante! 

domingo, 20 de novembro de 2011

Prestige (día 6)

19 de noviembre de 2002 


Ás 8:00 o Prestige afundese, primeiro a popa despois a proa...
Unha enorme mancha de fuel dunhas 10.000 toneladas formase na zona, a coñecida como "segunda marea negra".


Finalmente o petroleiro descansa a uns 3600 metros baixo a superficie do mar, a unhas 137 millas de 
e 133 millas de Finisterre. 

Non se sabe a magnitude do vertido, nin en que estado quedou o barco, nin si o casco resistirá a presión da auga das profundidades... non se sabe nada... as "autoridades" non saben nada, pero os galegos si sabemos, sabemos que non queremos mareas negras:

                                      
Manifestación Nunca Máis en Santiago, o máis claro exemplo de indignación.





"NON IMOS ESQUECER 
NIN PERDOALOS
NUNCA MÁIS"

xoves, 17 de novembro de 2011

Prestige (día 5)

17 de novembro de 2002.
O capitán do barco é detido por desobediencia e o delito ecolóxico. Mentres os remolcadores intentan afastar o problema das costas, o que provoca que Portugal lles prohiba achegarse ás súas.
En Corrubedo (A Coruña) aparece unha nova mancha de fuel... 

UN LIBRO: Veu visitarme o mar (Rosa Aneiros)

Unha noite, vítima da súa propia covardía, Alba sente que as súas últimas forzas morren entre as botellas de alcol que guinda a un contedor. É a noite do 12 de novembro de 2002; e mentres as dúbidas e o seu enzoufado estado de ánimo a consomen por dentro, unha marea negra empeza a camiñar a grandes alancadas pola superficie do mar. Entón, Alba, bióloga nunha piscifactoría da Costa da Morte, ten que se enfrontar á cadea de lembranzas e remorsos que a acompañan, con monstros e silencios, desde a súa chegada a Lira unha década antes. A catástrofe do Mar Exeo arrincáraa da vella sombra da Alhambra, onde ecoa a voz íntima da súa avoa coma unha pantasma do pasado, e agora é a marea negra do Prestige quen ameaza con levala consigo.

mércores, 16 de novembro de 2011

Prestige (día 4)

16 de novembro de 2002.

Hoxe a historia do Alemán de Camelle.

Manfred Gnadinger de 63 anos, foi probablemente a única vitima mortal do Prestige. Tamén chamado o Alemán de Camelle, Manfred morreu de pena tras o desastre do Petroleiro.

Manfred levaba 30 anos vivindo nunha chabola na praia de Camelle; vestía con taparrabos, non usaba zapatos e alimentábase do que lle daba o mar. Gustaba de correr 5 km e de nadar na praia cada día. Tamén tiña un museo, feito coas súas propias mans e coas cousas que o mar botaba a praia ou as redes dos mariñeiros, esqueletes de peixes, cunchas, pedras...

Tralo afundimento do Prestige, Manfred viu como o seu modo de vida tamén se afundia no negro chapapote que inundaba as praias... El mesmo asegurou a uns periodistas que "O petróleo matoume a vida. Marcharon as gans de vivir. Xa tirei a toalla".El non quería que ninguén limpara o alquitrán das rochas. Tiña moi claro que tiñan que deixalas manchadas de petróleo, convertidas "nun símbolo da morte que destrozou a costa".
Sumido nunha gran depresión Manfred péchouse na súa casa e decidiu deixar de comer.
Un mes e medio máis tarde un veciño de Camelle atopouno na súa casa, Manfred morrera de pena.




martes, 15 de novembro de 2011

Prestige (día 3)

15 de novembro de 2002
As primeiras manchas de fuel chegan a costa e despreganse as primeiras barreiras de contención. A administración asegura que non hai "destrozos medioambientales" e o goberno ordena remolcar o petroleiro cara augas abertas...



VOCES ANONIMAS.

Mariñeiros de Moaña,
de Cangas e de Fisterra
de Oia, e de Combarro
como choran as pardelas
ollando como coas mas
arrincades peste negra.

Achegan-se á nosa costa
xentes alleas á terra
a traballar xunto a nós
sen cobrar unha cadela.

Ondas brancas da marea,
solidaria co desastre
de Muxía e Corcubión,
da paisaxe sodes parte.

Outros negan a evidencia
en xornais e con prevendas
impiden poñer barreiras
os que sen medios, con coraxe
nos cantís recollen merda.

O berro do Nunca Mais
e xa hoxe unha bandeira
anónimos voluntarios
de Galiza, unha aperta!

Mariñeiros de moaña,
de Cangas e de Fisterra
de Oia, e de Combarro
como choran as pardelas
ollando como coas mas
arrincades peste negra

luns, 14 de novembro de 2011

Prestige (día 2)

 14 de novembro de 2002.
Intentan levar o barco cara o sur buscando augas máis tranquilas nas que efectuar o transvase do fuel a outro barco. 
Neganse ata 8 veces a deixarse enganchar polos remolcadores que acuden na súa axuda.
Os veciños de Muxía ven o Prestige  a tan só 3 millas da súa costa, e a mancha de fuel xa mide 37 km. de largo por 200 m. de ancho...


domingo, 13 de novembro de 2011

Prestige (día 1)

Durante esta semana faremos unha crónica do afundimento do Prestige no ano 2002. Cada día actualizaremos o blog coa evolución do barco tal e como sucedeu hai xa 9 anos...

13 de novembro de 2002.
O petroleiro Prestige navega cargado con 77.000 toneladas de fuel da mala calidade. Cando se atopa a unhas 28 millas de Finisterre sofre unha importante vía de auga no medio dun temporal, quedando á deriva con ondas de ata 6 metros e ventos de forza 8.
A vía de auga prodúcese ao desprenderse algunha prancha do casco consecuencia do mal estado de conservación do barco. O mar inunda o tanque de lastre, que estaba baleiro e situado no lateral do petroleiro, o que provoca un forte escoramento. Isto da lugar ao vertido que provoca a primeira mancha de fuel. As autoridades denegan ao petroleiro o permiso para atracar en porto español.
A gravidade da avaría do buque chega a escorarse ata 45º- fai que sexa necesario evacuar a maioría dos tripulantes. Soamente quedan a bordo o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas para intentar salvar a carga que transportan, para o cal enchen de auga o depósito de lastre do costado oposto do buque, compensando a escora pero sometendo a estructura do petroleiro a unha tensión superior a que pode soportar. Rachan os primeiros depósitos de fuel... 


"Non me canso de soñar 
que cando saia o sol
a praia limpiara.
E apago o meu televisor 
que de tanta dor
non para de chorar.
NUNCA MAIS"

venres, 11 de novembro de 2011

Luar na Lubre e Ismael Serrano cantan a Lorca.

Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol;
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón.
Lorca realizou varias visitas a Galiza coa súa compañia de teatro "La Barraca".
Durante estas viaxes coñeceu a nosa literatura, dende Martin Codax a Rosalia, coñeceu a nosa terra, a nosa cultura, a nosa lingua e coñeceu aos nosos máis celebres escritores,como Eduardo Blanco Amor do que se di que poido chegar a namorarse.
Despois de todo isto Lorca deixanos "Seis poemas gallegos" editado en 1935 pola editorial Nós, dirixida polo, enton alcalde de Santiago Anxel Casal.
Ambos foron fusilados durante a Guerra Civil.

mércores, 9 de novembro de 2011

Por que falas galego? (primeira parte)

Hoxe presentámosvos unha nova columna, "Por que falas galego?". Aquí iremos recollendo testemuños de persoas que un día decidiron falar galego por diversos motivos.

Hoxe quero contarvos o meu motivo para falar galego:
Cando eu era pequena nunca falaba galego, é máis, non me gustaba nada, e estaba convencida de que había outras linguas MELLORES E MÁIS IMORTANTES.
Cando tiña 12 anos marchei a vivir fóra de Galiza, e dinme conta de que o galego era moito máis que unha lingua, era unha forma de vivir e boteino tanto de menos que cando voltei a casa decidín que tiña que falar galego, e que tiña que ensinarlle a todo o mundo o que eu aprendera sobre as linguas: ningunha é peor que as demais, e sobre todo non hai linguas "máis importantes", cada unha das aproximadamente 5000 linguas que hai no mundo é importante e imprescindible, xa que cada unha delas describe a forma de vida e incluso a personalidade dun pobo. 
Non vos vou dicir que o cambio de lingua foi fácil, gratificante si, pero non fácil, algunhas veces e nalgúns lugares falar galego é moito máis difícil do que parece, pero este e outro dos meus motivos para empregar a lingua, levarlle a contraria a todos aqueles que apesares de ter moitos máis anos ca min aínda non se deron conta do tesouro que teñen na man e ségueno rexeitando sen pensar en ningún momento que así o único que fan e desprezarse a si mesmos, pois como dicía Castelao: "O galego que non fala na lingua da súa terra, nin sabe o que ten de seu nin é merecente dela"
Así que xa sabedes rapaces e rapazas falade galego porque é voso e forma parte non so da vosa cultura, senón tamén de vos e é algo que sempre vos a acompañará e que estedes onde estedes sempre vos recordará quenes sodes e de onde vindes.
Grazas os meus profes de galego,
 que me ensinaron
 non so gramática e literatura se non tamén
Galego.

mércores, 2 de novembro de 2011

Mouchos, curuxas, sapos e bruxas!

"Samaín era a festividade máis importante para os celtas e viña
coincidir co último día da colleita e o comezo do inverno.
Celebrábase a finais do actual mes de outubro e comezos do mes de
novembro e daban así a benvida ó ano novo. Abríanse as portas
entre este mundo e o alén, dándolle á xente a posibilidade de
reunirse cos seus devanceiros mortos."

Máis Info: http://www.edu.xunta.es/centros/iessantomefreixeiro/system/files/Carteis+Sama%C3%ADn.pdf


A PORTA ENTRE OS DOUS MUNDOS
O SAMAÍN
Este é o título da exposición que desde o xoves 27 de outubro ata o venres 4 de novembro podemos contemplar no vestíbulo do noso IES. Coinciden (non por casualidade) nestas datas celebracións culturais procedentes de diferentes lugares e tempos, no noso caso: o Samaín (de tradición celta) e os "altares de muertos" (México), celebracións ás que se suman interesantísimas referencias funerarias da Antigüidade clásica. Estamos diante dun traballo no que colaboraron activamente alumnos de 1º de bacharelato coordinados pola vicedirección (altar de muertos dicado a Víctor Jara); alumnos de 1º de ESO (o Samaín), coordinados polo EDLG. Os alumnos e alumnas de primeiro ciclo de ESO realizaron algúns obxectos funerarios baixo a supervisión do profesor Lillo Redonet.
As exposicións veñen acompañadas de máis de 50 carteis informativos que nos achegan no caso do Samaín á festividade celta que celebra o paso da época das colleitas (a vida) ó inverno (a morte). O Samaín (palabra de orixe geélica) permanece viva en Galicia e celébrase na noite do 31 de outubro ó 1 de novembro, cando as almas dos defuntos veñen do máis alá para reunirse cos vivos.
Tamén se recolle na actividade unha breve alusión visual á morte na literatura e na tradición. Como mostra da temática da morte na literatura reprodúcese íntegra a obra de Castelao Un ollo de vidro. Historias d'un esquelete.