mércores, 24 de decembro de 2014

XA CHEGARON AS VACACIÓNS DO NADAL!

Un ano máis agardamos con impaciencia a chegada do Apalpador, dos Reis Magos...e dos seus agasallos! E este o noso Galo Millarengo évos ben pedichón e fixo unha lista ben grande (seica di que se portou xenial este ano), aquí vos deixamos algunhas das cousas que non quere que fallen debaixo da súa árbore:

- O NOVO DISCO DE ALBA MARÍA.
Unha das nosas galiñas dos ovos de ouro estrea o seu primeiro disco e o Galo, que quedou prendado desta artista no seu concerto no Culturgal, púxoo de primeiro na súa carta aos Reis (a ela tamén a pediu, pero tampouco lle imos dar tanto). Aquí podedes escoitar unha pequena parte de "Aínda":



- UNHA ENTRADA PARA VER A ADAPACIÓN AO CINE D´"A ESMORGA" E O SEU DVD.

Atarefado como andivo, está desexoso de ver esta adaptación cinematográfica da coñecida novela de Eduardo Blanco Amor que ten como protagonistas a Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán "Morris" e que xa cumple a súa quinta semana na gran pantalla.

- UN PORTÁTIL NOVO PARA VER AS NOVAS TEMPADAS DE WEBSERIES GALEGAS COMO "FAME".
Dende que se enganchou a isto das novas tecnoloxías, o Galo non pode agardar ver o novos capítulos destas webseries Made in Galicia e quere velas coa máxima calidade, sobre todo cunhas protagonistas tan guapas coma Eme e Uve!

- UN VALE PARA MERCAR TODOS OS LIBROS E MÚSICA QUE EL QUEIRA NA LIBRARÍA ANDEL.
 Non sabedes como lle gusta visitar a web de Andel para enterarse das últimas novidades literarias e musicais! http://www.andelvirtual.com/
- UNHA ENTRADA PARA TODOS OS FESTIVAIS DESTE VINDEIRO 2015.
 Ollade se non é trouleiro este Galo... non quere perder ningún! Leva todo o ano preparando bailes, cancións e vestimentas para triunfar en todos e cada un deles...

E a lista segue e segue, pero non a imos poñer toda!
 Esta noite tentará ir durmir cedo e coa barriga ben chea para que O Apalpador lle traia unha morea de crocas!


sábado, 4 de outubro de 2014

3º ANIVERSARIO DO GALO!

Como corre o tempo!
O noso galo xa ten tres aniños e cada vez está máis forte para traervos todas as novas máis interesantes do galiñeiro.
NON DEIXEDES DE VISITALO!
E que pase moito máis tempo informándovos.

martes, 30 de setembro de 2014

DÍA DO ORGULLO NEOFALANTE

O 1 de outubro é o día do orgullo neofalante! Esta é unha data para honrar a toda esa xente que se pasou ó galego con algúns aniños ao lombo e que intenta usalo aínda que cometa erros. Se é este o teu caso, non che deixes amolar e mostra con orgullo as túas equivocacións, todos somos novos en algo! Do mesmo xeito, se sodes galegofalantes dende sempre,  podedes mostrar o voso apoio cara esta xente, que ben o merece! Tamén, se aínda non destes o paso e queredes facer desta lingua a vosa, que de mañá non pase!

 Nesta ligazón tedes as instrucións para difundir a vosa mensaxe polas redes sociais: http://www.sermosgaliza.gal/articulo/lingua/digo-eu-1-outubro-dia-do-orgullo-neofalante/20140930150349031020.html, animádevos!

sábado, 27 de setembro de 2014

ÁNIMO GALOS E GALIÑAS!

Parabéns meus amigos! Lograstes superar con éxito as dúas primeiras semanas de clase (a maioría de vós, claro) e queremos que sigades así! Por iso, o voso galo favorito intentará darvos folgos durante todo curso coas novas máis entretidas para que non vos desanimedes.

 Se queredes ser uns galos e galiñas ben intelixentes, non esquezades ir á escola e que non vos teña que ir buscar o mestre á vosa casa coma a estes baleigáns!:


luns, 30 de xuño de 2014

ADEUS, BERROGÜETTO


Onte, 29 de xuño, tivo lugar en Vigo un encontro temido á vez que agardado: o concerto co que a banda galega Berrogüetto poría fin a 18 anos de traxectoria artística.
Nun acto moi emotivo, Xabier Díaz, Guillerme Fernández, Quim Farinha, Quico Comesaña, Anxo Pintos, Santiago Cribeiro e Isaac Palacín, contaron coa colaboración de antigos membros do grupo como Guadi Galego, as pandeireteiras presentes na formación orixinal ou o violinista Paco Juncal, entre outros.
O público estivo totalmente entregado, poñéndose en pé en numerosas ocasións para agradecerlles todos estes anos compartindo as súas magníficas obras musicais.

Esperemos que outros grupos con membros de tanto talento e valía xurdan para tomar o relevo de modernizar a música folk, tal e como o facía Berrogüetto dun xeito inigualable.
Pese a disolución do grupo, seguimos tendo o seu legado, unha serie de seis álbums, xunto coas súas actuacións gravadas. E, a parte, contaremos cos diferentes traballlos que os integrantes realizarán a nivel individual.
Aquí algunhas das súas cancións:



domingo, 22 de xuño de 2014

RESPOSTAS DA REVISTA

Tras esta longa espera e para que non teñades que pensar moito durante as vacacións, aquí tedes algunhas das solucións para a revista:

Solución ó poema da escola do califa (o colar dos namorados)
Podemos resolver o problema mediante unha ecuación:
Chamamos x ó número total de perlas do colar. Segundo nos di o problema teriamos:
x/6 x/5 x/3 x/10 + 6
Buscamos o m.c.m. de 6,5,3 e 10. [m.c.m.= 30] e reescribimos a ecuación:
x = 5x/30 +6x/30 + 10x/30 + 3x/30 + 6
x = 24x/30 + 6
Multiplicamos por 30 ambos lados da ecuación:
30x 24x 180
30x – 24x = 180
6x = 180
x = 180/6
x = 30
Polo tanto, o colar dos namorados tiña 30 perlas.

Solución para o lobo, a cabra e a leituga
O pastor pasa primeiro a cabra, déixaa na outra beira e volve a polo lobo; ó cruzar deixa o lobo e volve coa cabra; deixa a cabra e cruza coa leituga; deixa a leituga co lobo e volve a pola cabra.

SOLUCIÓNS ÁS SECCIÓNS DAS PÁXINAS 30-­‐31 DA REVISTA O GALO MILLARENGO

Quen te viu e quen te ve… (páx. 30) 
(de esquerda a dereita e de arriba a abaixo),
María Nieto (3º B)
Dolores Hermida
María Mancebo (3º D)
M.ª Carmen Vélez
Moncho
Saínza
Irene Termenón (4º D)
Montserrat Alonso
Wicha
Roi Díaz (2º A)
Javier Portas
Carmen Cabaleiro (2º B)
David RochA (2º D)
C. Bachmaier
Antonio Jacinto
Santiago Rguez.
Cheikh Ndoye (1º B)
Áurea Termenón (4º C)
Rocío López
Carla Rodríguez (2º C)

Agora que,   penso, es cuspidiño a… (páx. 31) REGUEIFAS 
C. Bachmaier
Santiago Rguez.
Saínza
Dolores Hermida
Wicha
Carla Rodríguez (2º C)
Moncho
Carmen Cabaleiro (2º B)
Cheikh Ndoye (1º B)
M.ª Carmen Vélez
David Rocha (2º D)
Roi Díaz (2º A)
Montserrat Alonso
María Nieto (3º B)
Javier Portas
María Mancebo (3º D)
Rocío López
Irene Termenón (4º D)
Antonio Jacinto
Áurea Termenón (4º C)

Que teñades unhas magníficas vacacións galos e galiñas!

domingo, 18 de maio de 2014

A LUS DO MUNDO

O IES POETA DÍAZ CASTRO é un instituto de Guitiriz, terra natal de Xosé María Díaz Castro, que tomou a fermosa iniciativa de loitar para que o Día das Letras Galegas deste ano 2014 tivese como protagonista ao autor anteriormente mencionado. Unha vez conseguido, puxéronse en marcha unha morea de iniciativas para recuperar a figura do poeta, como unha nova película documental, unha axenda, un roteiro interactivo incluído no programa Educa Barrié... e, ademais, os alumnos deste instituto gravaron unha serie de obras musicadas deste autor. Dende aquí queremos dar a noraboa por esta marabillosa acción!
Aquí podedes ver parte do seu traballo:

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Onte, 17 de maio, como supoño que todos saberedes, foi o Día das Letras Galegas; este ano adicado á figura de Xosé María Díaz Castro.
Díaz Castro foi un poeta que publicou en numerosas revistas, tradutor, e autor dunha serie de libros, entre os que destaca "Nimbos".
O seu poema máis recoñecido é "Penelope", pertencente á obra anteriormente mencionada, que chegou ser traducido ao francés:


Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!



xoves, 15 de maio de 2014

Xa está aquí O Galo Millarengo, esta vez a 1,50!

Despois de moito tempo de traballo, o Galo Millarengo espertou para cantar polos corredores do instituto, pero está vez, veñen cantando con el: Ferrín, Sés, Candido Pazó, Fran Alonso, Manuel Rivas e moitos máis... 

E mañá estades todos convidados...


NON FALTEDES!

domingo, 27 de abril de 2014

"NON NOS QUITAREDES OS SOÑOS"

 

 
 Este vídeo é un vídeo para pensar, para comprender, para poñerse no lugar das persoas que sofren  todos os días a todas horas estes problemas no que dura esta curtametraxe. E tamén, é una denuncia dun problema cada vez maior, do que non se fala o suficiente.
O traballo, tanto a idea, coma o guión e a propia gravación foron realizados por dúas alumnas de 3º ESO do IES Xulián Magariños (Negreira, A Coruña), Alba García Ardións e Ariana Golán Garrido, como traballo para a clase de Lingua Galega, e comeza agora a ser presentado en varios concursos. Estas rapazas merecen certo recoñecemento por comprender o significado dos dereitos humanos mellor que moitas persoas con máis anos e menos cabeza. 
 

UNHA LECTURA RECOMENDADA


Algunha vez escoitastes falar dos gabinetes de marabillas? Coleccións de pezas singulares, exóticas, curiosas ou mesmo monstruosas...
 Agora podedes visitar o Gabinete das Marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte a través das páxinas do novo libro editado por Xerais, da marabillosa autoría a dúas mans de Irene Pérez Pintos e Rodrigo Pérez Pintos, dous irmáns con moito que contar. 
Tes a oportunidade de mergullarte na extravagante colección de máis de seiscentos obxectos tan dispares como un circo de pulgas, o bastidor de costura da muller loba Sabela Menduíña, un rabo humano de porco, excremento de biosbardo ou un traxe de follas feito por formigas tecedoras amestradas africanas, e ser coñecedor das historias que se agochan detrás das pezas.
Ademais, o libro conta coa biografía do galego universal Arxentino da Rocha Alemparte, creador do citado gabinete, cunha vida tan desmesuradamente fabulosa, participante en tantos ámbitos que o mesmo Ernest Hemingway dixo del: «de non ser galego, só sería crible como personaxe  literario». 
 
A presentación do libro tivo lugar o 25 de abril ás oito da tarde, na hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios, e ademais dos autores, no acto participaron Pablo Carrera, Pilar Barreiro e Manuel Bragado. Os autores prepararon unha exposición das pezas máis curiosas do gabinete, que se poderá seguir visitando o luns 28 e o martes 29 nas dependencias da EMAO. Merece a pena!
 
Para os interesados en conseguir máis información sobre o libro, deixo a continuación un link:

http://www.xerais.es/libro.php?id=2070684

sábado, 12 de abril de 2014

MÚSICA PARA AS VACACIÓNS

Como estas vacacións preséntanse cun tempeciño que dan gañas de cantar e bailar, aquí vos deixamos unha pequena selección musical do máis  animada:

 

xoves, 10 de abril de 2014

RUXE-RUXE ESTREA NOVO DISCO!

O fantástico grupo de rock galego presentará o seu novo disco, "Némesis", o vindeiro sábado 12 de Abril na Sala Capitol de Santiago. Compartirán escenario co grupo Biribirlocke e co actor Josito Porto. A entrada é de cinco euros se se colle anticipadamente e de quince en billeteira (entrada + CD).
Aquí tedes un vídeo de promoción:

                                                                                                                                                                                                                      

domingo, 6 de abril de 2014

A NOSA ALBA MARÍA RODRÍGUEZ GAÑADORA DO 1º CERTAME DE CANCIÓN DE AUTOR EN GALEGO!

 A nosa benquerida Alba foi finalmente a gañadora do 1º certame de canción de autor en galego! Nesta actuación realizada no serán de onte no auditorio da Ramallosa, Concello de Teo, competían oito finalistas, anteriormente seleccionados de entre 23 concursantes: Alba, Gamy, María Costas, MJ Pérez, Nastasia Zürcher, O Neno Elliot, Sofía Espiñeira e Susana Martíñez (Imaxe da dereita).

 Os estilos eran moi diferentes e todos os músicos tiñan unha grandísima calidade, pero Alba conseguiu o premio outorgado por un xurado do máis exquisito: Carme Hermida, concelleira de Cultura no Concello de Teo; Uxía Senlle, unha das artistas galegas máis recoñecidas na actualidade; Pepe Cunha, fundador do portal www.abretedeorellas.com; e Montse Rivera, directora de Merlo Branco Produccións (Imaxe da esquerda).

O público tamén participou concedendo dous accésits: un ao mellor artista - gañado por Nastasia Zürcher (imaxe da dereita) - e outro á canción máis orixinal - vencedora "Voar", de Nastasia Zürcher. 
O premio de Alba consiste na posibilidade de gravar un disco de oito temas, contando co local de Nsaio de Teo, e disporá, ademais dunha serie de concertos e da promoción.

Nótase que esta galiña é, do bo, o mellor!


ASÍ QUE XA SABEDES, TODOS A ANIMAR A ALBA AOS SEUS CONCERTOS E A MERCAR O SEU DISCO! 

domingo, 30 de marzo de 2014

CERTAME DE REGUEIFAS - 2014

Parabéns a todos os regueifeiros e regueifeiras! Outro ano máis deixando sen resposta aos participantes doutros centros de Vigo!
Cun pouco de atraso chega este artigo como homenaxe a todos os alumnos/as que participaron no certame de regueifas na marabillosa compañía de Pinto d'Herbón e Caruncho. Tamén coñeceron á cantante Sés, que fixo de xurado.

A pesares de non contar coa axuda de antigas compañeiras (e excelentes regueifeiras), na trepidante e intensa final quedaron catro alumnos do IES Coruxo e cinco do noso centro, do que a vencedora das vencedoras foi Irene Leirós Nieves. Parabéns, galiña regueifeira!
 No seguinte enlace atoparedes información sobre como foi a clasificación e sobre os concursantes que chegaron á final das finais:

http://www.regueifa.org/resumo-do-certame-escolar-de-regueifas-2014-



Na foto de abaixo, os participantes do noso San Tomé co premio (do que, por certo, este galo non cheirou una migalla...)

luns, 24 de febreiro de 2014

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!

Coincidindo coa nosa 130ª publicación, hoxe celebramos o día de Rosalía. Pese a non ser unha festividade oficial, estanse celebrando por toda Galicia e noutras partes do mundo homenaxes á nosa escritora máis representativa. 
Hai 117 anos que esta gran muller chegou ó mundo deixándonos o legado máis valioso endexamais imaxinado, as súas palabras. Para a conmemoración deste gran momento, a AELG organizou unha serie de actos que foi publicando durante o día na súa web:





A iniciativa máis curiosa foi a de animar á xente a que subise ás redes sociais "selfies"(autofotos) con algo relacionado coa figura de Rosalía. Para isto debíase subir xunto ao hashtag #euRosalía.

Aquí tedes unha versión musicada por Carlos Núñez dun dos seus poemas, Alborada, pertencente ao libro Cantares Gallegos:

 
PARABÉNS ROSALÍA!

sábado, 22 de febreiro de 2014

O XABARÍN, SECUESTRADO?

Hai uns días, o Xabarín Club agasallou aos seus novos membros con dous libros, dous libros en castelán! Isto non era a pimeira vez que ocorría, posto que, no ano 2012, dito clube entregara aos nenos un exemplar do "Guinnes World Records", tamén en español. 
O escritor e pai Séchu Sende escribiu un correo á dirección do clube protestando polo comportamento do noso querido porco bravo e asegurando que, ou ben o xabarín fora secuestrado, ou ben os responsables actuais do clube estaban actuando como axentes desgaleguizadores.
En resposta a isto, o director do programa, Alberto Casal, pediu desculpas e mantivo que non se producira ningún secuestro. En compensación, aos nenos que recibiron estes obsequios en castelán entregaráselles outro en galego.
Ambos correos foron publicados no blogue de Séchu Sende, Made in Galiza:

Esperemos que o noso querido Xabarín non volva a sufrir un caso de diglosia coma este!

martes, 18 de febreiro de 2014

ESTE 20 DE FEBREIRO MANIFESTACIÓN CONTRA A LOMCE

Este 20 de febreiro a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca unha manifestación para protestar contra a reforma da LOMCE e defender un ensino público e en galego.
En Vigo sae dende Praza América ás 12:00.
Nós imos estar por aí, así que xa sabedes rapaces, saíde á rúa!
 O profesorado tamén está convocado, aínda que sabemos que para eles é máis difícil acudir.
Se queredes máis información aquí vos deixamos unhas ligazóns para saber o porqué desta manifestación:

venres, 14 de febreiro de 2014

FELIZ SAN VALENTÍN!

Hoxe é o día dos namorados,e, aínda que algúns pensen que isto foi creado para que as tendas puidesen vender máis(e poida que teñan razón), é bonito ter un día para lembrar o moito que nos queremos. Así que lembrade galos:
QUERÉMOSVOS MÁIS QUE Á TORTILLA DE PATACAS CON XAMÓN!


venres, 31 de xaneiro de 2014

CAXADE, UN GRUPO NOVO CON MOITO FUTURO

Caxade é un grupo de musica folk reivindicativo que xurdiu a finais do 2012 co seu primeiro traballo " A Dança dos Moscas". Aquí vos deixo algúns dos seus videoclips:
                                                                               
                                                                    
Se queredes saber máis deles: