mércores, 24 de decembro de 2014

XA CHEGARON AS VACACIÓNS DO NADAL!

Un ano máis agardamos con impaciencia a chegada do Apalpador, dos Reis Magos...e dos seus agasallos! E este o noso Galo Millarengo évos ben pedichón e fixo unha lista ben grande (seica di que se portou xenial este ano), aquí vos deixamos algunhas das cousas que non quere que fallen debaixo da súa árbore:

- O NOVO DISCO DE ALBA MARÍA.
Unha das nosas galiñas dos ovos de ouro estrea o seu primeiro disco e o Galo, que quedou prendado desta artista no seu concerto no Culturgal, púxoo de primeiro na súa carta aos Reis (a ela tamén a pediu, pero tampouco lle imos dar tanto). Aquí podedes escoitar unha pequena parte de "Aínda":



- UNHA ENTRADA PARA VER A ADAPACIÓN AO CINE D´"A ESMORGA" E O SEU DVD.

Atarefado como andivo, está desexoso de ver esta adaptación cinematográfica da coñecida novela de Eduardo Blanco Amor que ten como protagonistas a Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán "Morris" e que xa cumple a súa quinta semana na gran pantalla.

- UN PORTÁTIL NOVO PARA VER AS NOVAS TEMPADAS DE WEBSERIES GALEGAS COMO "FAME".
Dende que se enganchou a isto das novas tecnoloxías, o Galo non pode agardar ver o novos capítulos destas webseries Made in Galicia e quere velas coa máxima calidade, sobre todo cunhas protagonistas tan guapas coma Eme e Uve!

- UN VALE PARA MERCAR TODOS OS LIBROS E MÚSICA QUE EL QUEIRA NA LIBRARÍA ANDEL.
 Non sabedes como lle gusta visitar a web de Andel para enterarse das últimas novidades literarias e musicais! http://www.andelvirtual.com/
- UNHA ENTRADA PARA TODOS OS FESTIVAIS DESTE VINDEIRO 2015.
 Ollade se non é trouleiro este Galo... non quere perder ningún! Leva todo o ano preparando bailes, cancións e vestimentas para triunfar en todos e cada un deles...

E a lista segue e segue, pero non a imos poñer toda!
 Esta noite tentará ir durmir cedo e coa barriga ben chea para que O Apalpador lle traia unha morea de crocas!


Ningún comentario:

Publicar un comentario