domingo, 27 de abril de 2014

UNHA LECTURA RECOMENDADA


Algunha vez escoitastes falar dos gabinetes de marabillas? Coleccións de pezas singulares, exóticas, curiosas ou mesmo monstruosas...
 Agora podedes visitar o Gabinete das Marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte a través das páxinas do novo libro editado por Xerais, da marabillosa autoría a dúas mans de Irene Pérez Pintos e Rodrigo Pérez Pintos, dous irmáns con moito que contar. 
Tes a oportunidade de mergullarte na extravagante colección de máis de seiscentos obxectos tan dispares como un circo de pulgas, o bastidor de costura da muller loba Sabela Menduíña, un rabo humano de porco, excremento de biosbardo ou un traxe de follas feito por formigas tecedoras amestradas africanas, e ser coñecedor das historias que se agochan detrás das pezas.
Ademais, o libro conta coa biografía do galego universal Arxentino da Rocha Alemparte, creador do citado gabinete, cunha vida tan desmesuradamente fabulosa, participante en tantos ámbitos que o mesmo Ernest Hemingway dixo del: «de non ser galego, só sería crible como personaxe  literario». 
 
A presentación do libro tivo lugar o 25 de abril ás oito da tarde, na hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios, e ademais dos autores, no acto participaron Pablo Carrera, Pilar Barreiro e Manuel Bragado. Os autores prepararon unha exposición das pezas máis curiosas do gabinete, que se poderá seguir visitando o luns 28 e o martes 29 nas dependencias da EMAO. Merece a pena!
 
Para os interesados en conseguir máis información sobre o libro, deixo a continuación un link:

http://www.xerais.es/libro.php?id=2070684

Ningún comentario:

Publicar un comentario