domingo, 6 de maio de 2012

Día da nai.

Hoxe, dedicamos a nosa entrada a todas esas mulleres que transportan aloumiños nas mans, que dan todo o seu amor e que loitan con forza polos fillos dende o comezo dos tempos: as nais. Para todas elas, este fermoso poema de Xohana Torres.



Nai

Tiña unha fita roxa no cabelo.
Lembro todas as flores dos meus vasos de nena.
Tiña bicos á tarde, qué tesouro,
e bulía en buratos pra dentro dos teus ollos.
A tarde tiña ás de paxaro, quentiño, quentiño,
as túas mans, riscadas do traballo,
calaban moitas veces pra carrexarme miúdo...
Eran días sen medo aos corvos sobre a testa
porque todo era estrela.
Logo, qué logo, houbo voar de follas, nomes, xentes.

Abrín portas, pecheinas; non se acouga con tanta multitude;
corrín a ser muller. E na tola carreira, perdín a fita roxa
que me chamaba nena. Debeu levala o vento
co froito dos anos, meus anos...

¿Pra que terían ás de paxaro os dedos
qie niñaban limpezas no cabelo?

Nai, onte laveiche os ollos. E na palma mollada
repousaron aquelas tardes, a fita dunha vida mellor.

Ollos da miña nai. Cobizos de lareira sempre ao fogo.

¡ Seica os ventos vos perden ou vos choran!

Sen eles, miña historia non ten ollos.

XOHANA TORRES (1931), Do sulco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario