domingo, 26 de febreiro de 2012

Feliz día de Rosalía!

Sentimos moito este pequeno lapsus, pero esperamos que pasásedes un venres estupendo, é dicir un fantástico día de Rosalía!

O 24 de febreiro de 1837 nacía en Compostela Rosalía de Castro a máis grande poetisa en lingua galega. E é por iso que este ano 2012 celebrouse o 175 aniversario do seu nacemento.
Durante todo o día celebráronse actos e lecturas colectivas para conmemorar a memoria da escritora, concretamente en Vigo celebrouse unha lectura colectiva no Marco na que participaron dende coñecidos escritores como María Reimóndez, ata xente anónima.
No Galo Millarengo tampouco nos esquecemos dela e e por iso polo que vos deixamos estos poemas:


       


Unha vez tiven un cravo

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madalena na Pasión.
“Señor, que todo o podedes
-pedínlle unha vez a Dios-,
dáime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición”.
E doumo Dios, arrinquéino.
Mais…¿quén pensara…? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica..., seica tiven soidades
daquela pena…¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor!…

Rosalía de Castro
(Follas novas, 1880)

E QUE VIVA ROSALÍA! E QUE VIVA A LINGUA GALEGA!

Ningún comentario:

Publicar un comentario