domingo, 26 de febreiro de 2012

Feliz día de Rosalía!

Sentimos moito este pequeno lapsus, pero esperamos que pasásedes un venres estupendo, é dicir un fantástico día de Rosalía!

O 24 de febreiro de 1837 nacía en Compostela Rosalía de Castro a máis grande poetisa en lingua galega. E é por iso que este ano 2012 celebrouse o 175 aniversario do seu nacemento.
Durante todo o día celebráronse actos e lecturas colectivas para conmemorar a memoria da escritora, concretamente en Vigo celebrouse unha lectura colectiva no Marco na que participaron dende coñecidos escritores como María Reimóndez, ata xente anónima.
No Galo Millarengo tampouco nos esquecemos dela e e por iso polo que vos deixamos estos poemas:


       


Unha vez tiven un cravo

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madalena na Pasión.
“Señor, que todo o podedes
-pedínlle unha vez a Dios-,
dáime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición”.
E doumo Dios, arrinquéino.
Mais…¿quén pensara…? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica..., seica tiven soidades
daquela pena…¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor!…

Rosalía de Castro
(Follas novas, 1880)

E QUE VIVA ROSALÍA! E QUE VIVA A LINGUA GALEGA!

luns, 13 de febreiro de 2012

Un conto clásico para San Valentín.

PICO, A AMARGA SEDUCCIÓN DA MEIGA CIRCE 

Pico, herdeiro do rico Saturno, era o rei das terras e bosques que regaban o Tíber, o Anio, e o Almón. Espertaban a súa curiosidade os cabalos que  eran útiles para a guerra, e a eles lles dedicaba un bo tempo da súa vida, pero era o atractivo da súa figura, a xentileza e a bravura de ánimo o que engaiolaba a mozas e deusas.  
Non tería máis alá de vinte anos, as Dríades dos montes de Italia suspiraban por Pico; as Náiades dos ríos, dos lagos e das fontes procuraban sen pudor a ocasión de atoparse con el e gañar a súa atención; pero el só tiña ollos para  a filla de Xano e Venilia, a ninfa de doce voz que nacera no outeiro do Palatino.  
Concedéronlla a Pico, preferido entre todos os pretendentes latinos, cando chegou o tempo de casar; a ninfa era dunha beleza resplandecente, pero moito máis o era o seu talento para o canto, tanto que todos lle chamaban “Vozmelodiosa”: co seu canto estremecíanse os bosques, as pedras, acalmaba as feras, detiña os caudalosos ríos, e facía calar os chíos dos paxaros.  
Mentres ela maduraba o seu talento afinando a súa voz cristalina, Pico saía cos criados polos campos do Lacio por ver de cazar algún xabaril; montaba un cabalo moi vivo e veloz, brandindo na man esquerda dúas lanzas; un mantón de púrpura prendido cun broche dourado cubríalle o corpo xentil.
  
Polo espeso arboredo andaba tamén Circe, a filla do Sol, repañando as herbas das fértiles montañas para feitizos, porque escaseaban xa nos campos da súa propiedade. Ó ver o mozo Pico, fascinada por tanta fermosura, escóndese entre os matos para velo ás agachadas; coa a excitación e o desasosego cáenlle das mans as herbas que recollera, e sente como un chama lle arde no máis íntimo do seu ser.  
Tan pronto como calmou  aquel lume devorador  quixo dicirlle o que sentía, pero non lle foi posible porque o cabalo de Pico  cabalgaba veloz e  os criados non lle permitían achegarse.  
Pero ela teimuda di:   
-Non te escaparás aínda que te arrebate o vento, se eu sei quen son, se a forza da miñas herbas non se evaporou e os meus encantamentos non me enganan.  
Ditas estas palabras que só ela debeu escoitar, fabricou unha figura dun falso xabaril  e fixo que correse por diante dos ollos do rei e que parecese que se perdía entre as árbores do espeso bosque, por onde o camiño é máis impenetrable e inaccesible para un cabalo.  
Sen tardar, Pico, que non sospeita nada daquela sombra de presa, desmonta rápido do cabalo e, perseguindo unha esperanza van, camiña  polo bosque sombrío.  
Circe lembra meigallos e pronuncia maldicións, convoca misteriosos deuses con 
incomprensibles sortilexios, cos que é capaz de desfigurar a cara da pálida lúa e tecer delicadas nubes que non deixan ver o sol. Ante a forza dos conxuros, o ceo péchase e a terra cóbrese de néboa, os seus criados vagan sen sentido e desaparece a garda do rei.   
Para Circe esta era a ocasión e o escenario oportuno, e di:  
-Polos teus ollos  que cativaron os meus, por esa beleza, fermosísimo, que me obriga sendo eu unha deusa a suplicarche, ten consideración con esta paixón que me consume e acepta como sogro o Sol, que o ve todo, non sexas duro comigo, non despreces a Circe.  
Xa rematara ela de falar; el, furioso, non atende nin a ela nin os seus rogos:  
-Quen queira que sexas, non son teu. Outra me ten encantado e por moito
tempo, que iso é o que pido. E non vou manchar por un amor ocasional o meu compromiso de lealdade mentres os fados me conserven a “Vozmelodiosa”,filla de Xano. 
Circe insiste unha e outra vez e ameaza:  
-Valo pagar caro e, polos meus poderes, polos meus feitizos, xuro que non retornarás xamais ós brazos de “Vozmelodiosa”; vas saber agora que é  o que  pode facer unha muller ferida, unha muller desprezada, unha muller que relouca de amor.   
E segue ela, desesperada:  
-Esa muller ferida, esa muller desprezada, esa muller que relouca de amor é Circe, a meiga Circe.  
Entón dirixiu a súa mirada dúas veces ó ocaso e outras dúas a oriente, golpeou tres veces coa vara ó mozo e pronunciou tres conxuros.  
El foxe, pero sente que o fai máis veloz, case non  percibe o peso do seu corpo, agora leve como o dun paxaro; as plumas van poboando a súa pel, xa non se lle ve nada de peluxe; irrítalle voar como un paxaro singular polos bosques latinos; fura co duro peteiro os robustos carballos e, cheo de furia, arremete contra as longas ramas. As plumas tomaron a cor purpúrea 
do seu manto, e o que fora broche dourado  tornouse pluma e a cerviz brilla  cun anel amárelo ouro. Nada lle queda a Pico da aparencia pasada, a non ser o nome.  
Os criados chaman a gritos a Pico infrutuosamente,  pero Pico non aparece por ningures. 
Acusan a Circe e acósana coas súas lanzas. Circe espalla os seus velenos, convoca entre alaridos a Noite e os deuses da Noite, o Érebo, o Caos, a Hécate; treme a terra, apágase a natureza verde e ladran os cans. Tocados pola vara  máxica de Circe todos os criados se volveron animais feroces do bosque.   
Entrementres  o Sol no ocaso iluminaba as praias de Tartesos, inutilmente o corazón e os ollos de “Vozmelodiosa” esperaban a chegada de Pico: criados e xentes latinas corren polos bosques e levan candís para iluminar a escuridade da noite; “Vozmelodiosa” non deixa de chorar, de arrincar o cabelo, de dar golpes no peito; aloucada, anda dun lado para outro, seis días sen durmir e sen comer, camiñando por serras e vales por onde a casualidade a guiaba. Consumida pola pena esvaeceuse, confundíndose coa brisa lixeira para sempre. 


José M. Otero.
Adaptación  de  OVIDIO. METAMORFOSIS, XIV, vv. 320 e ss 

luns, 6 de febreiro de 2012

Xuizo o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.


Carlos Callón será xulgado por recriminar ao xuíz decano da Coruña que incumprise a Lei de normalización lingüística
A Mesa lanza un manifesto perante o xuízo do seu presidente o vindeiro 10 de febreiro e convoca unha concentración de apoio

“O mundo ao revés: este xuíz denuncia a quen pide que se cumpra a lei!”

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma unitaria Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado o vindeiro 10 de febreiro na Coruña nun caso que a entidade non dubida en cualificar de “criminalización das opinións e da lexítima defensa do noso idioma”. Aínda que a denuncia fora inicialmente desestimada, tanto co apoio do xulgado como da Fiscalía, un recurso do denunciante desencadeou a vista que se producirá a semana próxima.

Reproducimos a continuación o texto do manifesto:  

Queremos xustiza para a nosa lingua
Non á criminalización da súa defensa!

O dereito a podermos vivir en galego en Galiza encóntrase cada vez máis desamparado. Por unha banda, as administracións que teñen a principal encomenda de velar pola defensa do noso idioma, como é o caso da Xunta, non cumpren co seu deber e realizan inxustísimas políticas na súa contra. Ademais, a pouca lexislación que existe para garantir os nosos dereitos lingüísticos é vulnerada.

Desde 1983, a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, recoñece que os nosos nomes de lugar teñen como única forma oficial a xenuína, a galega. Diferentes sentenzas e ditames xudiciais déronlle unha e outra vez a razón a toda a xente que se mobilizou, de xeito firme e cívico, para demandar o seu cumprimento ao longo de todos estes anos. Porén, mesmo algo tan básico como isto dista de ser aplicado sen problemas por parte dos poderes públicos.

O vindeiro 10 de febreiro o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado por unha denuncia que presentou contra el o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O motivo é que Callón replicou unhas declaracións que os medios de comunicación puñan na boca de Fraga Mandián no transcurso dun xuízo: “No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”. 

Con anterioridade, o mesmo maxistrado defendera o incumprimento da Lei de normalización lingüística no referido a toponimia porque, segundo el, a cuestión do nome da cidade herculina estaba sub iudice; non era verdade: nese momento xa houbera mesmo varios ditames do Tribunal Constitucional apoiando o uso único do topónimo A Coruña. Así mesmo, nun documento, como resposta a un veciño, tamén chegou a argumentar que el usaba La Coruña e non A Coruña por un erro ortográfico. É unha burla, porque o “erro ortográfico” persiste unha e outra vez e, con el, a vulneración dunha lei básica, con todo o peso simbólico de que quen está a protagonizar todas estas situacións é un xuíz.

O mesmo maxistrado xa ocupou titulares en varias ocasións nos medios de comunicación pola súa campaña particular contra a lingua galega. Por exemplo, cando denunciou un veciño da Coruña, Eduardo Álvarez, despois de que este solicitase recibir as notificacións no idioma do país e co topónimo oficial da cidade, dereitos ambos aos que está asistido pola lexislación. Foi no transcurso deste proceso xudicial, criticado polo presidente da Mesa, cando decidiu presentar a denuncia contra Carlos Callón. Como esta situación foi criticada publicamente por Carlos Aymerich, tamén presentou outra denuncia contra este deputado, que xa foi desestimada polos tribunais. O mundo ao revés: este xuíz denuncia a quen pide que se cumpra a lei!

No caso da denuncia contra Carlos Callón, nun primeiro momento o xulgado, co apoio da Fiscalía, decidiu desestimala e arquivala. Porén, o xuíz decano presentou unha apelación, que desencadeou no xuízo do vindeiro día 10.

mércores, 1 de febreiro de 2012

DKTC


SOMOS O CORO DOS NENOS DISTINTOS,
FACEMOS COUSAS QUE NON TEÑEN SENTIDO,
BUSCAMOS SEMPRE O NOSO PROPIO DESTINO,
NON TEMOS DO QUE DIGAN DE NOS POR NON SER COMO A XENTE...