xoves, 26 de maio de 2016

QUE VOLVE O GALO!

Xa está aquí a publicación máis agardada de todo o ano!
A revista do Galo Millarengo volve chea de contidos do máis entretidos que non vos podedes perder. Entre eles, atopamos colaboracións de escritores, escritoras e cantantes xa consagrados como as de Sechu Sende, O Leo i Arremecághona e Ledicia Costas; pero tamén a doutros e outras artistas todavía por descubrir.
Adquirila só custa dous euros, e asegúrovos que paga pena! Só tendes que pasarvos polo Ies San Tomé de Freixeiro e preguntar no departamento de galego ou buscar a Esther Porrit.
Nuns días publicaremos as solucións dos distintos quebracabezas, deixámovos un tempo para pensalas por vos mesmos.
Desfrutádea moito, agardamos que tanto coma nós!

sábado, 21 de maio de 2016

VOLVE A IRMANDIÑA!


Onte, antes de comezar o programa do Luar adicado ás regueifas, puidemos desfrutar tamén do bo fútbol coa volta da nosa selección galega. Esta fora suprimida en 2009 coa entrada do PP no goberno, pero agora está aquí con renovadas forzas.
 Neste amistoso con Venezuela, Galicia mostrou o seu dominio durante todo o partido. O estadio de Riazor púxose en pé no minuto 36 co gol de Iago Aspas, pero Josef Martínez marcou no minuto 92, quedando o resultado en empate.
 A Irmandiña promete ofrecer máis encontros, e os seus siaeiros estaremos agardando ansiosos por velos!
Imaxes de César Quian.

REGUEIFAS NO LUAR

 Esta pasada noite de venres puidemos desfrutar no Luar dun programa adicado ás regueifas. Tras unha mostra dos regueifeiros Suso de Xornes e Josiño da Teixeira, fíxose un resumo de todos os regueifeiros que pasaran polo Luar. Despois, pasouse á mocidade. Falaron rapaces dos institutos de Baio e Vila de Cruces, creadores do proxecto "Regueifesta", e tamén Lidia, do Ies San Tomé de Freixeiro en representación de Vigo, para explicarnos un pouco sobre o certame de Valadares. De seguido, puidemos comprobar da man de Sara, Esther, Alba, Noa e Nuria que a regueifa, como moi ben cantou Alba, no século XXI, é feminista!
Podedes ver aquí o momentazo no que cantaron esta grandes artistas.
A regueifa ten futuro, e moito!

mércores, 18 de maio de 2016

CEN ANOS DAS IRMANDADES DA FALA



 Aínda non recuperados da festa polo Día das Letras Galegas, este 18 de maio é outra data para celebrar, pois tal día coma hoxe, pero en 1916, fundábanse na Coruña as primeiras Irmandades da Fala da man de Antón Vilar Ponte.
 Esta organización recolle e potencia as aspiracións galeguistas do Provincialismo e o Rexionalismo, supoñendo o inicio do nacionalismo. Encárgase da dignificación e promoción da nosa lingua, usando como voceiro a revista A Nosa Terra. Ao mesmo tempo, funda diversas editoriais e publicacións periódicas, potenciando o uso do galego en todos os ámbitos. Tamén publican Algunhas normas pra unificación do idioma galego e un dicionario castelán-galego. Xorden no seu seo colectivos e institucións coma o Grupo Nós ou o Seminario de Estudos Galegos, que continuarán a tarefa de reivindicar e difundir o idioma. 
Resultado de imaxes para irmandades da fala
 As Irmandades cesan a súa actividade en 1931, tras a creación do Partido Galeguista, pero é grazas ao seu importante labor polo que podemos desfrutar da nosa lingua e cultura como a coñecemos.
 Pese ter pasado tanto tempo, aínda resta xente que participou nas actividades das Irmandades naquela época, e Sermos Galiza entrevista a unha desas nenas, Elvira Varela. Podedes consultar o seu testemuño aquí.

martes, 17 de maio de 2016

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016


 Un ano máis, este 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, desta volta adicadas a Manuel María(1929-2004), poeta, narrador e dramaturgo que tivo unha grande relevancia no marco cultural e político do século XX.
Sendo este un autor tan querido entre os galegos e galegas, son moi numerosos os actos de homenaxe cara a súa figura, entre eles a lectura dos seus poemas que platarformas como Queremos Galego foron publicando nas súas redes sociais.
Tamén son moitos os artistas que se suman á iniciativa de poñer voz a poemas que xa foran musicados, dous dos máis coñecidos son "O carro" e "Galiza", que vos deixamos a continuación:
O carro
Non canta na Chá ninguén,
por éso, meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

Non hai canto tan fermoso:
fino coma un asubío,
anque é, as vegadas, saudoso
faise no ar rechouchío.

O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Qué fermosa a sua feitura!
¡Qué lixereza a do eixo!

As cousas vanse aledando
por onde meu carro pasa.
¡Carrétame herba pro gando!
¡Traime a colleita pra casa!

Galiza
Galicia docemente
está ollando o mar:
¡Ten vales e montanas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballo
cargados de trafegos!

Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento...
¡Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!

Galiza somos nós:
a xente e mais a fala
¡Si buscas a Galiza
en ti que atopala!

Deixámosvos aquí tamén a ligazón ós audios de todos os seus poemas musicados, recollidos na páxina da Casa-museo Manuel María, onde podedes consultar tamén moitas outras cousas sobre o autor e as súas obras:

Asemade, este día sérvenos para reivindicar o uso da nosa lingua con total normalidade e en todos os ámbitos. Para defender este dereito, milleiros de persoas ateigaron as rúas de Santiago de Compostela con pancartas e instrumentos musicais, participando nunha multitudinaria mobilización que saíu da Alameda e rematou na Praza da Quintana. Estivo moi presente o espírito de Manuel María tanto durante a marcha coma nos actos posteriores, incluso no lema da manifestación, propugnado por Queremos Galego, "O idioma é a vida". Tendes aquí o manifesto con ese mesmo nome: 
Tamén atoparedes aquí a crónica da mobilización dada por Sermos Galiza:

Todos os días estamos arrodeados das nosas benqueridas letras galegas, pero hoxe é un día importante para reivindicar a súa presenza, para que poidamos desfrutar da nosa lingua libre de prexuízos e outras trabas que, lamentablemente, aínda non foron eliminados.
Coidade das nosas letras, galos e galiñas!

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!