domingo, 27 de abril de 2014

"NON NOS QUITAREDES OS SOÑOS"

 

 
 Este vídeo é un vídeo para pensar, para comprender, para poñerse no lugar das persoas que sofren  todos os días a todas horas estes problemas no que dura esta curtametraxe. E tamén, é una denuncia dun problema cada vez maior, do que non se fala o suficiente.
O traballo, tanto a idea, coma o guión e a propia gravación foron realizados por dúas alumnas de 3º ESO do IES Xulián Magariños (Negreira, A Coruña), Alba García Ardións e Ariana Golán Garrido, como traballo para a clase de Lingua Galega, e comeza agora a ser presentado en varios concursos. Estas rapazas merecen certo recoñecemento por comprender o significado dos dereitos humanos mellor que moitas persoas con máis anos e menos cabeza. 
 

UNHA LECTURA RECOMENDADA


Algunha vez escoitastes falar dos gabinetes de marabillas? Coleccións de pezas singulares, exóticas, curiosas ou mesmo monstruosas...
 Agora podedes visitar o Gabinete das Marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte a través das páxinas do novo libro editado por Xerais, da marabillosa autoría a dúas mans de Irene Pérez Pintos e Rodrigo Pérez Pintos, dous irmáns con moito que contar. 
Tes a oportunidade de mergullarte na extravagante colección de máis de seiscentos obxectos tan dispares como un circo de pulgas, o bastidor de costura da muller loba Sabela Menduíña, un rabo humano de porco, excremento de biosbardo ou un traxe de follas feito por formigas tecedoras amestradas africanas, e ser coñecedor das historias que se agochan detrás das pezas.
Ademais, o libro conta coa biografía do galego universal Arxentino da Rocha Alemparte, creador do citado gabinete, cunha vida tan desmesuradamente fabulosa, participante en tantos ámbitos que o mesmo Ernest Hemingway dixo del: «de non ser galego, só sería crible como personaxe  literario». 
 
A presentación do libro tivo lugar o 25 de abril ás oito da tarde, na hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios, e ademais dos autores, no acto participaron Pablo Carrera, Pilar Barreiro e Manuel Bragado. Os autores prepararon unha exposición das pezas máis curiosas do gabinete, que se poderá seguir visitando o luns 28 e o martes 29 nas dependencias da EMAO. Merece a pena!
 
Para os interesados en conseguir máis información sobre o libro, deixo a continuación un link:

http://www.xerais.es/libro.php?id=2070684

sábado, 12 de abril de 2014

MÚSICA PARA AS VACACIÓNS

Como estas vacacións preséntanse cun tempeciño que dan gañas de cantar e bailar, aquí vos deixamos unha pequena selección musical do máis  animada:

 

xoves, 10 de abril de 2014

RUXE-RUXE ESTREA NOVO DISCO!

O fantástico grupo de rock galego presentará o seu novo disco, "Némesis", o vindeiro sábado 12 de Abril na Sala Capitol de Santiago. Compartirán escenario co grupo Biribirlocke e co actor Josito Porto. A entrada é de cinco euros se se colle anticipadamente e de quince en billeteira (entrada + CD).
Aquí tedes un vídeo de promoción:

                                                                                                                                                                                                                      

domingo, 6 de abril de 2014

A NOSA ALBA MARÍA RODRÍGUEZ GAÑADORA DO 1º CERTAME DE CANCIÓN DE AUTOR EN GALEGO!

 A nosa benquerida Alba foi finalmente a gañadora do 1º certame de canción de autor en galego! Nesta actuación realizada no serán de onte no auditorio da Ramallosa, Concello de Teo, competían oito finalistas, anteriormente seleccionados de entre 23 concursantes: Alba, Gamy, María Costas, MJ Pérez, Nastasia Zürcher, O Neno Elliot, Sofía Espiñeira e Susana Martíñez (Imaxe da dereita).

 Os estilos eran moi diferentes e todos os músicos tiñan unha grandísima calidade, pero Alba conseguiu o premio outorgado por un xurado do máis exquisito: Carme Hermida, concelleira de Cultura no Concello de Teo; Uxía Senlle, unha das artistas galegas máis recoñecidas na actualidade; Pepe Cunha, fundador do portal www.abretedeorellas.com; e Montse Rivera, directora de Merlo Branco Produccións (Imaxe da esquerda).

O público tamén participou concedendo dous accésits: un ao mellor artista - gañado por Nastasia Zürcher (imaxe da dereita) - e outro á canción máis orixinal - vencedora "Voar", de Nastasia Zürcher. 
O premio de Alba consiste na posibilidade de gravar un disco de oito temas, contando co local de Nsaio de Teo, e disporá, ademais dunha serie de concertos e da promoción.

Nótase que esta galiña é, do bo, o mellor!


ASÍ QUE XA SABEDES, TODOS A ANIMAR A ALBA AOS SEUS CONCERTOS E A MERCAR O SEU DISCO!