sábado, 24 de outubro de 2015

REVOLTA DE REGUEIFAS!

 Hoxe será o primeiro día dun interesante obradoiro de regueifas! Para participar e poder practicar unha das vosas actividades favoritas, só tendes que pasar polo Centro Social A Revolta, na rúa Real nº 12, na zona vella de Vigo. O curso realizarase ás 17h entre este sábado 24 e o vindeiro sábado 31. Por se aínda non decidirades se vir, que saibades que o sábado 7 de novembro haberá un certame entre os participantes do obradoiro e unha foliada!
Os meus galos e galiñas,
non me sexades paspáns
e vinde facer regueifas,
ídelo pasar xenial!

domingo, 4 de outubro de 2015

E XA VAN 4!

 Que tal ese comezo de curso galos e galiñas? O noso benquerido Galo Millarengo, que hoxe xa é un aniño máis vello, quere darvos todos os azos posibles para que pasedes o mellor curso da vosa vida! Sempre con el á vosa beira, claro ;)
 Promete traervos un ano ben cheo de actividades, así que atentos!

martes, 9 de xuño de 2015

Para tronzar os valos!

O noso galiño tamén anda un pouco atarefado coa fin do curso, pero aínda así el segue a tronzar moitos valos: valos contra a ignorancia, as inxustizas, a desigualdade, a indiferencia ou a miseria.
E é que á fin e ó cabo derrubar  todas esas rúas prohibidas non e máis que o noso dereito (e case a nosa obriga).




 MOITA SORTE COS EXAMES!

domingo, 24 de maio de 2015

Xa está aquí O Galo Millarengo! Esta vez a 2 euros!

O noso galiño xa leva unha semana cantando polo instituto! E este ano ven acompañado por Agustín Fernández Paz, O Sonoro Maxín, Xardín Desordenado e moitos outros máis!


E VÓS, XA TEDES A VOSA?

martes, 24 de febreiro de 2015

NÓS SOMOS ROSALÍA!

   Atención, galos e galiñas! Hoxe temos algo importante que celebrar: hai 178 anos naceu unha muller que cambiaría a maneira na que se empregaba a súa lingua, que fixo que rexurdise no panorama literario, e prestixiou o seu uso. Que a empregou para denunciar as condicións pésimas e a inxustiza baixo as que vivía a sociedade da súa época. Ela foi valente, hai máis dun século, para facer que se redescubrise a identidade cultural que ela sentía súa, e que é tamén a nosa. O seu labor converteuna en todo un símbolo, e por iso, hoxe somos todos Rosalía.
Xa sabes que facer para conmemorar esta data? Agasalla un libro en galego e unha flor a esas persoas que o merecen! E se queres relaxarte escoitando música, a recomendación especial do día queda na listaxe de abaixo. 
Parabéns, Rosalía. 
#EuSonRosalía



sábado, 21 de febreiro de 2015

DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA


Hoxe é o día internacional da lingua materna, un dos nosos bens máis prezados. E que mellor xeito de honrar unha lingua que falala? Así que adiante, falemos galego!

sábado, 7 de febreiro de 2015

QUE TODO O MUNDO O SAIBA!



Xa se conseguiu que a etiquueta #QueremosGalego sexa un dos temas do momento en Twitter! Para apoiar está iniciativa, só tes que chíar esta frase e compartila con todas as túas amizades. Está é unha acción promovida por Twitter en galego, páxina que podedes visitar no voso Facebook para enterarvos de máis novas.

venres, 6 de febreiro de 2015

QUEREMOS GALEGO!

O vindeiro domingo, oito de febreiro, celébrase en Santiago de Compostela ás 12.00 unha nova manifestación a prol do galego convocada pola Plataforma Queremos galego!. O lema para este encontro será Polas fillas dos nosos fillos, defendendo así a o futuro de Galiza e a tranmisión xeneracional do idioma. Agárdase unha participación masiva, pois o chamamento diríxese a todos os sectores da Galiza. Numerosos persoeiros do panorama galego xa apoiaron esta iniciativa por medio de vídeos ou similares, aquí vos deixamos algúns deles:

E velaquí algúns enlaces máis de interese:
E lembrade, QUEREMOS GALEGO!